miércoles, 9 de octubre de 2019

ATENCIÓN!!! CONCURSO PARA O SAMAÍN!!!




ARREPÍO NUN CHÍO
A noite do 31 de outubro ao 1 de novembro celébrase o Samaín, unha festividade de orixe celta que marca o fin do verán, do tempo das colleitas, e o inicio do inverno. Nesta noite, as fronteiras entre o mundo dos vivos e dos mortos están máis preto. As portas do Alén ábrense e as ánimas poden visitar o Aquén e os seus moradores e moradoras. É, xa que logo, unha noite ligada á morte e, para lembrala, o Equipo da Biblioteca e mais o Equipo de Dinamización da Lingua Galega organizan o concurso de chíos de terror Arrepío nun chío. Como, que non sabes o que é un chío? De seguro que che resulta máis familiar o termo inglés tweet. A resposta é, pois, ben doada: unha mensaxe breve que non pode superar os 280 caracteres.

A continuación, especifícanse as bases deste concurso:

1. Poderás participar se es alumno ou alumna de ESO (1º, 2º, 3º ou 4º).

2. Para participar, tes que escribir un chío de terror en galego, ligado á morte e a todo o que a rodea, que non supere os 280 caracteres estipulados. O chío acompañaralo dunha imaxe que o represente.

3. Meteralo nun sobre aberto que levará escrito o curso en que estás na parte frontal. Dentro dese sobre debes incluír tamén un papeliño co teu nome e apelidos. Depositaralo nunha caixa de correo habilitada na biblioteca. Tamén podes compartilo nos perfís de Facebook e Instagram da biblioteca co cancelo #arrepíonunchío. Tes de prazo ata as 15.00 horas do mércores 30 de outubro.

4.            Haberá tres premios (1º, 2º e 3º) e o xurado formarano os membros do Equipo da Biblioteca.

5.            Os galardoados e galardoadas daranse a coñecer o venres 8 de novembro. Publicaranse os seus nomes na cortiza da entrada da biblioteca e nos perfís das redes sociais.

6.            Os premios serán unha sorpresa, mais queda garantido que será unha sorpresa orixinal. Recolleranse durante o festival de Nadal.

7.            Valoraranse especialmente a creatividade e a orixinalidade.

Veña, a que estás agardando? Dálle vida á túa alma narradora, crea o teu chío de terror e participa. Non te has arrepentir!

COÑECEMOS A NOSA BIBLIOTECA "SUSO DE MARCOS"



Está situada no segundo andar do CPI Armando Cotarelo Valledor. Neste espazo, ademais de atopar libros, poderás descubrir outros servizos que de seguro che serán de moia axuda:



- Espazo na rede: Oito ordenadores con conexión a internet e cos programas necesarios para a edición de textos e imaxes, por se precisas facer algún traballo.



- Recuncho dos pequeniños: Os máis novos do centro atopan aquí un lugar adaptado ás súas necesidades, con acceso aos contos propios da súa etapa, e con mobiliario cómodo para que se poidan relaxar mentres len.



- Traballamos en grupo: Nesta área da biblioteca, onde atopamos a sección de xeneralidades, unha mesa redonda achega aos grupos de rapaces que queiran reunirse para facer algún traballo en común.



- Estudar tamén é ler: Hai postos axeitados para os que queren traballar nas tarefas das clases.



- A sétima arte: Nesta sección temos dispoñibles para préstamo unha colección de DVDs.



- Outra rede social: A nosa biblioteca tamén é o punto de xuntanza do CLUBE DE LECTURA "OS TROTAMUNDOS"



TODOS OS MEMBROS DA COMUNIDADE EDUCATIVA SODES BENVIDOS!