jueves, 24 de noviembre de 2022

“As do mare” desembarcan en Boimorto

 

Rilo & Penadique trouxeron este espectáculo con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller o vindeiro 25N.


Toda a etapa de Educación Primaria acudiu o mércores 23 de novembro ás 12h á Casa do Concello, onde acougaban a contacontos Vero Rilo e a acordeonista Sonsoles Penadique.

Dun xeito ameno e divertido achegáronnos estes contos protagonizados por mulleres do mar. Dende relatos mitolóxicos coma o da Serea Maruxaina coas tres probas que propón ao seu namorado; a fatídica historia da pena do cú da raíña, que leva o nome pola angustiosa viaxe da Raíña Mariana a terras de Castela; ou o das tres conserveiras: a “Moucheira”, a “Novena” e “Fía na Porta” e a creatividade que despregaron á hora de escapar do cárcere e do carcereiro para montar nunha gamela e navegar ate América...

Cantamos, aturuxamos e nadamos (aínda que non o creades)...

Faláronnos das cousas que o mar leva e o mar deixa, fixemos un percorrido polos faros pero, sobre todo, contaron historias das mulleres do mar ou do mar de mulleres.




miércoles, 23 de noviembre de 2022

Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas

 


No mes de novembro, celebramos o mes da ciencia en galego. A Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidade, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén impulsando esta celebración nas propias bibliotecas desde hai xa uns anos con diversas actividades. Este curso o manifesto co que dar visibilidade a esta conmemoración está escrito por José Manuel Castro Tubío, profesor, investigador principal e divulgador na USC, con investigacións relacionadas co cancro.


Na biblioteca atoparás unha exposición de obras relacionadas coa ciencia, desde libros nos que aprender a facer experimentos,  biografías de científicas, libros sobre física, química...; ata obras narrativas que tratan este tema.