jueves, 24 de noviembre de 2022

“As do mare” desembarcan en Boimorto

 

Rilo & Penadique trouxeron este espectáculo con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller o vindeiro 25N.


Toda a etapa de Educación Primaria acudiu o mércores 23 de novembro ás 12h á Casa do Concello, onde acougaban a contacontos Vero Rilo e a acordeonista Sonsoles Penadique.

Dun xeito ameno e divertido achegáronnos estes contos protagonizados por mulleres do mar. Dende relatos mitolóxicos coma o da Serea Maruxaina coas tres probas que propón ao seu namorado; a fatídica historia da pena do cú da raíña, que leva o nome pola angustiosa viaxe da Raíña Mariana a terras de Castela; ou o das tres conserveiras: a “Moucheira”, a “Novena” e “Fía na Porta” e a creatividade que despregaron á hora de escapar do cárcere e do carcereiro para montar nunha gamela e navegar ate América...

Cantamos, aturuxamos e nadamos (aínda que non o creades)...

Faláronnos das cousas que o mar leva e o mar deixa, fixemos un percorrido polos faros pero, sobre todo, contaron historias das mulleres do mar ou do mar de mulleres.




No hay comentarios:

Publicar un comentario