miércoles, 9 de octubre de 2019

ATENCIÓN!!! CONCURSO PARA O SAMAÍN!!!




ARREPÍO NUN CHÍO
A noite do 31 de outubro ao 1 de novembro celébrase o Samaín, unha festividade de orixe celta que marca o fin do verán, do tempo das colleitas, e o inicio do inverno. Nesta noite, as fronteiras entre o mundo dos vivos e dos mortos están máis preto. As portas do Alén ábrense e as ánimas poden visitar o Aquén e os seus moradores e moradoras. É, xa que logo, unha noite ligada á morte e, para lembrala, o Equipo da Biblioteca e mais o Equipo de Dinamización da Lingua Galega organizan o concurso de chíos de terror Arrepío nun chío. Como, que non sabes o que é un chío? De seguro que che resulta máis familiar o termo inglés tweet. A resposta é, pois, ben doada: unha mensaxe breve que non pode superar os 280 caracteres.

A continuación, especifícanse as bases deste concurso:

1. Poderás participar se es alumno ou alumna de ESO (1º, 2º, 3º ou 4º).

2. Para participar, tes que escribir un chío de terror en galego, ligado á morte e a todo o que a rodea, que non supere os 280 caracteres estipulados. O chío acompañaralo dunha imaxe que o represente.

3. Meteralo nun sobre aberto que levará escrito o curso en que estás na parte frontal. Dentro dese sobre debes incluír tamén un papeliño co teu nome e apelidos. Depositaralo nunha caixa de correo habilitada na biblioteca. Tamén podes compartilo nos perfís de Facebook e Instagram da biblioteca co cancelo #arrepíonunchío. Tes de prazo ata as 15.00 horas do mércores 30 de outubro.

4.            Haberá tres premios (1º, 2º e 3º) e o xurado formarano os membros do Equipo da Biblioteca.

5.            Os galardoados e galardoadas daranse a coñecer o venres 8 de novembro. Publicaranse os seus nomes na cortiza da entrada da biblioteca e nos perfís das redes sociais.

6.            Os premios serán unha sorpresa, mais queda garantido que será unha sorpresa orixinal. Recolleranse durante o festival de Nadal.

7.            Valoraranse especialmente a creatividade e a orixinalidade.

Veña, a que estás agardando? Dálle vida á túa alma narradora, crea o teu chío de terror e participa. Non te has arrepentir!

No hay comentarios:

Publicar un comentario