O 14 de marzo celébrase o Día Internacional das Matemáticas, unha data para darlle a esta importante disciplina o lugar que lle corresponde no mundo.
E esta semana descubrimos, gracias ao Departamento de Matemáticas, que a papiroflexia son as matemáticas do papel.
Os xaponeses inventaron a papiroflexia fai máis de mil anos. Déronlle o nome de origami e dotáronlle de principios estéticos ligados á súa cultura. É en China onde se introduce o papel nos primeiros séculos da era cristiá e chega a Xapón no século VI d.C.; co papel fixo a súa aparición a papiroflexia, á que podemos considerar como unha arte, unha ciencia e un entretemento, e de aí a súa importancia na aprendizaxe das matemáticas como estimulante da actividade cerebral.
A relación entre ambas disciplinas é bidireccional: por unha banda, artistas de origami de todo o mundo utilizan métodos matemáticos para deseñar as súas figuras de papel. E non soamente para deseñar obxectos matemáticos tales como poliedros, senón que tamén se aplican para deseñar todo tipo de mamíferos, obxectos, insectos, etcétera. A explosión de creatividade que experimentou a papiroflexia nas últimas décadas débese, entre outras cousas, á aplicación de métodos matemáticos de deseño.
Doutra banda, a papiroflexia tamén foi fonte de inspiración para as matemáticas e para a enxeñería. Hoxe en día as técnicas de origami aplícanse con éxito ao deseño de estruturas que se pregan e despregan de forma eficiente, tales como airbags de coches, paneis solares de telescopios (deben viaxar encartados para despois despregarse de maneira segura e eficiente no espazo), e mesmo stents (microtubos que se introducen en arterias ou outros condutos obstruidos do corpo humano para despois alargarse).
No hay comentarios:
Publicar un comentario