Como cada 17 de maio, festexamos o Día das Letras Galegas. Nesta ocasión, o xoves 18 de maio, tivemos a sorte de contar coa presencia de Vero Rilo, co seu espectáculo para todo o alumnado do centro. Ademáis, a xornada estivo amenizada por varias alumnas de 2º da ESO, que nos deleitaron con baile e música tradicionais.
O mércores 24, haberá un obradoiro poético con Rosalía Fernández Rial para o alumnado de 2º ciclo da ESO.
A traxectoria de Rosalía Fernández Rial (Costa da Morte, 1988) está marcada polo seu carácter disciplinar. É filóloga, doutora en didáctica das linguas e da expresión dramática pola USC e performer. Mais, sobre todo, e desde moi nova, dedícase á escrita.
Poema "A reflexión", dentro do poemario Árbores no deserto, ed. Galaxia, 2020
A REFLEXIÓN
Detrás do espello
todas eramos a mesma muller,
núa,
interrogativa,
reclamándolle respostas
á realidade.
Ninguén vai chamar por nós?
Ninguén —silencio—.
Porque sodes a mesma muller sen rostro,
sen nome.
E se nos creamos?
Que cada unha
se debuxe da forma que queira.
E foi así como demos a luz
os nosos lenzos,
soñando pincel,
imaxinando cores,
a grande escala.
Foi así como
comezamos a parirnos...
Ata nacer
entre os marcos ceibes
da fantasía feminina.
Así hoxe vexo,
nos seus ollos,
que o teu retrato
son eu.
Este poema é un grito contra o esquecemento de mulleres que sentaron as bases do pensamento feminista actual. Mulleres fortes e valentes que alzaron e alzan a súa voz contra o machismo e que, hoxe, son referentes. Mulleres coma Sojourner Truth, Flora Tristán, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Emma Goldmann, Virginia Woolf, Clara Campoamor, María Zambrano, Simone de Beauvoir, Kate Millet e Malala, están presentes nesta orixinal publicación.











No hay comentarios:
Publicar un comentario